11/4/12

OBRADOIRO DE ESCRITA

By Escribaniaglez

Un pouco por casualidade e por outras razóns que non veñen ao caso este ano iniciamos un obradoiro de escrita en 2º ESO. Por outro lado e ao igual que outros compañeiros e compañeiras do IES Blanco Amor queriamos participar cos nosos traballos nas actividades que, no ano de Celso Emilio, se facían no centro así que xuntamos ambas as cousas e  puxemos en marcha un obradoiro que, sempre que pode parte de textos do poeta de Celanova. Estas son as nosas aportacións. Grazas a todos.

Iniciamos a tarefa traballando con estruturas chave como lémbrome ou gústame /non me gusta. Foi difícil decidírnos por un ou outro texto pero aquí temos dúas propostas que nos pareceron interesantes.


LÉMBROME


De artesanum.com
Lémbrome daquelas mañás soleadas de verán cando miña nai me espertaba para ir almorzar.
Lémbrome de cando quedaba durmida no sofá e milagrosamente espertaba na miña cama.
Lémbrome dos bicos do meu pai antes de marchar de viaxe.
Lémbrome de cando miña irmá aínda só estaba a uns poucos metros de min … e pensar que agora nos separan tantos quilómetros.
Lémbrome  cando marchou e a semana que pasei erguéndome ás oito da mañá e indo á súa habitación por se volvera.
Lémbrome de cando naceu a miña curmá, ollos azuis, cabelo dourado, como podemos ser familia, unha coma a neve e outra coma o carbón?
Lémbrome do meu primeiro día de colexio, tamén lembro o día en que meu avó afeitou o bigote e me asustei porque pensaba que aquel señor non era nada meu.
Lémbrome de cada noite, cando sabía que volvía o meu pai, en que esperaba esperta para asegurarme de que me daba as boas noites.
Lémbrome da primeira vez que entrei nunha piscina, o que me gustou!
Lémbrome de cando no colexio tiña natación, que ben o pasaba.
Lémbrome de min e da miña irmá no chan da súa habitación, xogando ás bonecas, ela vestíaas, peiteábaas e eu inventaba dramas peores ca calquera telenovela con elas.
Lémbrome do can do meu tío, máis ben un cabalo, negro e, sobre todo, o terror que lles teño aos cans.
Lémbrome de moitas cousas bonitas, demasiadas para escribilas.
                                                                              Sara Vázquez 2º ESO E


GÚSTAME/ NON ME GUSTA

Imaxe de tnchampiom.blogspot.es

Gústanme os cans, os gatos, os cabalos, vacas, focas, golfiños, polbos, rapazas, non necesariamente nesa orde.
Os doces, o mar, nadar,bucear, bailar, cantar só na ducha, o espazo, os cómics, facer parkour...
Nunha tarde de verán coller a bici sen rumbo, o verán, pero tamén o inverno, ler libros, xornais, as vacacións, os bebés, escoitar historias dos meus avós, viaxar, coñecer xente.
Non me gusta mancarme, rezar, fumar, ver os meus amigos tomar alcol, as noticias malas, a primavera, os luns, as clases, sentirme prisioneiro, o machismo, o feminismo, o sexismo o maltrato de persoas e animais, o racismo, os eufemismos, ver a rapaza que me gusta co noivo, gnomos, princesas, príncipes e demais... A crise, que perda o Real Madrid, os anuncios, as películas de amor, loqueiros, psicólogos e xogos  de exercitar a mente, os pesadelos...

David Zuaznábar 2º ESO E

No hay comentarios: