28/11/13

A PEDRA DO TANGARAÑO

De panoramio.com
A Concellería de Educación do Concello de Ourense vén de convocar o II Certame de Microrrelato On Line, certame que o noso compañeiro Álvaro Glez Leiro gañou na súa primeira edición. As bases podédelas consultar en Camiño longo. Alí veredes que o tema deste ano son as lendas e supersticións de Galicia.


Eu gustaría de ler un relato inspirado na pedra do Tangaraño. Cada vez que alguén a menciona sinto remorsos e lembro a avoa María. Ela era de Pazos, lugar moi próximo á pedra. Moitas veces me contou como a nai a obrigaba de mociña  a ir ao penedo, e aínda que eran catro irmás, só ela, polo seu nome, era a enviada. E a mociña María agochábase en mil sitios, pero sempre acababa tendo que ir. Nos meus 16 anos era un castigo escoitala e incluso me parecía que xa se lle ía algo a cabeza, cando lle oía algunhas cousas. Como lamento, tantos anos despois, non ter valorado canto me contou!

A avoa vía o seu nome como unha desgraza, porque as Marías que ían ao Tangaraño collían sona de bruxas, os mozos non lles falaban no baile e adoitaban quedar solteiras. E ela quería casar. E casou, e mesmo tivo antes certos amores, pero aí si lle vou gardar o segredo. 

Tres Marías, un caldeiro de cinc novo cheo de pez e roupiña tamén nova para o neno era o necesario no ritual de desentangarañar o meniño que non medraba. A roupa que levaba posta metíase na pez e aparecía a figura do animal ou persoa que o entangarañara. 

 

 Estiven ben veces en Cova de Lobo, pero nunca baixei ao Tangaraño. Sei máis ou menos por onde estaba o carreiro, mais non sei chegar e os que poderían guiarme xa non están comigo. Gustaríame poder crer que agora me  levan da man por outros camiños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario