27/6/15

ENTRE MIRTOS E LOUREIROS...





Mirtos, loureiros, campanillas e as súas adoradas hortensias, coas que tantas veces adornou Camiño longo recibirán agora caricias máis demoradas.

Coñecina de mociña por breves tres meses, pero ela non se lembra. Logo, despois de anos, as voltas da vida volvéronos xuntar. De aí en diante compartimos traballo docente, enfermidades familiares e felices nacementos. 
Tiven a tentación de agasallarvos cun retrato seu aos que a seguides na rede, pero abandonei a idea. Foi sempre muller tímida e discreta no profesional e no persoal, que só quere mostrarse a través das súas fotos de árbores, flores e penedas. Con todo aceptade a miña palabra de que é enteiramente fermosa.
Neste San Xoán, que para min foi de senlleiras despedidas, teño que dicirlle adeus á presenza cálida e diaria de Marina. E talvez, talvez non me vai ser fácil. Como xa dixo ela, poderémola seguir atopando no seu blog, aí seguirá traballando pola  lingua; nas aulas e nos corredores xa non. É un camiño que ela meditou moito e decidiu emprender, pero non soa. Que teñades os dous feliz viaxe.

 Ninguén está perdida nesa hora
cando o vento sopla
e hai unha lúa vertical, noviña,
que envolve de misterio os perfís.

Xohana Torres, Estacións ao mar.

1 comentario:

  1. Deixei de ser modesta por un día e fixen referencia a esta entrada no meu blog. Aínda que dixen publicamente que non estou triste, sei certamente que vou botar de menos o día a día no instituto.
    Hanme de acompañar o vento e a lúa nova, estou segura. E todos os meus e a natureza e...

    ResponderEliminar